CRTVG

Buscar

Baixa a actividade nos polígonos industriais

Publicado o 16/03/2020 20:52

Primeira hora do día no polígono do Tambre. Cándido colle o seu camión como todas as mañás. "Temos que traballar seguido porque a alimentación hai que movela. Acabo de descargar no Carrefour e estou esperando para ir cargar o peixe seguramente para Madrid ou Barcelona. A vida ten que seguir".

Están seguido na estrada e non poden parar. No polígono pecharon as tendas de bricolaxe, xardín e equipamentos deportivos. As portas pechadas nas casas de comidas afectan tamén aos transportistas. "Agora temos o problema de non termos un bar para comer, para ducharnos, nin para facer as nosas necesidades. Non temos nada aberto", di Cándido.

As estacións de servizo serven de referencia para medir a actividade industrial. "Todo tipo de fábricas. De momento, levo repostado un montón de fábricas", asegura Patricia Pena.

Nos polígonos da Coruña, Ourense e Lugo, os minoristas pecharon e os maioristas non funcionan ao cen por cento. Moitas empresas que non abriron están á expectativa do que fagan as demais. "O lóxico é que non houbera nin a metade. Paréceme que hai demasiada", cóntanos o presidente da Asociación de Empresarios do Ceao, Francisco Dorado.

"Oxalá que isto dure o menos posible porque o impacto económico pode ser a curto prazo de tempo, pero longo de restaurar", dixo Alberto Vila, presidente de APETAMCOR.

"Estamos un pouco confusos todos. Non sabemos moi ben o que temos que facer", engadiu Dorado.

Navantia limitou a presenza dos traballadores nos eslaleiros de Fene e Ferrol.


 

Noticias web

16/03/2020