CRTVG

Buscar

Bos días

Baile galego na Arxentina para darlle a benvida ao Nadal

Publicado o 16/12/2016 10:11

Noite de folclore galego na Arxentina.

Achégase o Nadal e, con el, a escola de música e danza do Centro Galicia de Bos Aires rendiu homenaxe a súa terra cunha gala no emblemático Teatro Avenida da capital riopratense.

Últimos ensaios. Toca acomodar ben o traxe e afinar os instrumentos para dar o mellor de cada un na gala de Nadal das escolas de música e danza tradicional do Centro Galicia de Bos Aires.

Fano, coma sempre, no corazón da cidade. Neste fermosísimo Teatro Avenida. Un símbolo da hispanidade reconstruido por un grupo de galegos. E claro, os nervios non faltan.

Marcos Godino, bailarín do Centro Galicia de Bos Aires: "Hai tempo que bailo, pero aínda os nervios previos encóntranse latentes sempre".

Inés Martínez, integrante da Coral do Centro Galicia de Bos Aires: "É o traballo da escola, o traballo de todo o ano cos profesores, e a idea é compartilo".

Pero este é un espectáculo se cabe máis especial que o doutros anos para a directora de danzas, Luísa Pericet.

A ela acaban de nomeala persoeiro destacado da cultura polo seu labor de difusión artística.

Luísa Pericet, directora xeral da Gala de Fin de Ano do Centro Galicia de Bos Aires: "É un cariño especial, é unha emoción. Ademais, esta é a gala de fin de ano, en que hai tanto, tanto, tanto alumno, con tanto cariño, que un dá todo".

Para todos eles, a mellor satisfacción é un traballo ben feito sobre o escenario para honrar as súas orixes galegas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

16/12/2016