CRTVG

Buscar

Ayuso pide a Sánchez "volver ao diálogo" para "mellorar" o plan de Madrid

Publicado o 13/10/2020 18:01

A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, pediu este martes ao Goberno de Pedro Sánchez "volver ao diálogo" para "mellorar" o plan ideado pola Comunidade de Madrid contra o coronavirus, en lugar de manter o estado de alarma, xa que asegura que funcionará "sen facer máis dano aínda á economía máis importante de España".

Nunha conferencia de prensa celebrada xunto ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e o conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, Ayuso volveu pedir a anulación do estado de alarma decretado polo Goberno o pasado venres na capital e outros oito municipios madrileños para restrinxir os movementos dos cidadáns e tratar de combater a expansión do coronavirus.

"Dinamitar o Estado de dereito coa escusa do ben común é o camiño recto á anarquía e a volta dos réximes autoritarios", dixo a presidenta, que asegura que a estratexia do Goberno rexional de restricións por zonas básicas de saúde está a dar "bos resultados".