Lea xurídica en Madrid: o adianto electoral choca coas mocións de censura
• A Cámara aceptou a tramitación das mocións de censura de PSOE e Más Madrid porque a convocatoria electoral non foi publicada no diario oficial da comunidade | Ayuso acusa a Asemblea de prevaricar
Non está claro se os madrileños irán votar o 4 de maio ou se serán os deputados da Asemblea rexional os que decidan o nome do futuro ou futura presidente. Todo dependerá de se a disolución da asemblea rexional entra en vigor coa sinatura do decreto ou coa súa publicación.
En principio, a mesa da cámara admitiu a trámite as mocións de censura presentadas por PSOE e Más País, e iso invalidaría a convocatoria electoral. A presidenta Isabel Díaz Ayuso tomaba esa decisión ante o temor de que o acontecido en Murcia se repetise na Comunidade de Madrid. Ciudadanos, o seu socio de Goberno, acusa a presidenta de irresponsabilidade por chamar ás urnas en plena pandemia.
O terremoto político que sacode tres comunidades autónomas arrincaba en Murcia. Ciudadanos presentaba co PSOE unha moción de censura contra o goberno do popular Fernando López Miras e contra os alcaldes de cinco cidades da rexión, incluída a capital. "Asistimos a un acto de traizón", asseguraba Miras.
A sorpresa saltaba a mediodía: ante o temor a unha replica do acontecido en Murcia, Isabel Díaz Ayuso convocaba eleccións anticipadas en Madrid para o martes 4 de maio. "Se non tomo esta decisión, Ciudadanos e o PSOE presentarían unha moción de censura, algo que xa falaron en reiteradas ocasións, e causarían o desastre da comunidade de Madrid. Quero que os madrileños sexan agora os que elixen entre socialismo e liberdade", dicía a presidente da Comunidade de Madrid nunha declaración institucional.
Mentres Ayuso falaba, o seu vicepresidente Ignacio Aguado, de Ciudadanos, desmentía que estivesen preparando esa moción: "Por un capricho persoal e electoral seguramente inducido polo seu círculo, rompe este acordo de forma unilateral e a súa palabra dada, o cal é a maior irresponsabilidade desde que hai ano e medio asumira a presidencia da Comunidade de Madrid"
Quen si lanzaron cadansúa moción de censura contra Ayuso foron PSOE e Más País. Rexistráronas despois de que a presidenta asinase a convocatoria electoral, pero a mesa da asemblea, onde a esquerda ten maioría, admitiunas a trámite ao interpretar que as cámaras non se disolven ata que o decreto non apareza no diario oficial da comunidade. A expensas de cómo se resolve o asunto legal, Íñigo Errejón animaba a Ciudadanos a apoiar o cambio de goberno. "Eu creo que despois de probar unha cousa e comprobar que lles vai mal aos cidadáns, agora Ciudadanos ten unha segunda oportunidade", salienta o líder de Más Madrid.
"O que fixemos é tomar os camiños parlamentarios de que dispoñemos para poder evitar que Madrid se vexa abocada a unha convocatoria electoral neste momento", aseguraba Ángel Gabilondo, do PSOE.
A terceira réplica do terremoto chegaba a Castela e Leon en forma doutra moción do PSOE contra o bipartito PP/Ciudadanos, aínda que, a diferenza de Murcia, con poucas opcións de prosperar.
A dirección nacional de Ciudadanos deixou entrever que non vai apoiar as mocións de censura en Madrid nin en Castela e León. No PP acusan o PSOE, Podemos e Ciudadanos de levaren tempo planificando as mocións. E no Goberno, Carmen Calvo aconselloulle ao PP que se afaga á nova cultura política da diversidade.
O presidente do Partido Popular Pablo Casado expresou en Twitter o seu apoio aos presidentes de Madrid e de Murcia con senllas fotografías e unha mensaxe en que apelaba á unidade do centro dereita como única solución para España. En Vox, foi a súa máxima responsable en Madrid, Rocío Monasterio, quen, a partir dunha frase da propia Díaz Ayuso, dixo que entre socialismo e liberdade eles elixen liberdade.
Tamén se pronunciou o presidente da Xunta a través das redes sociais. Nun chío, Alberto Núñez Feijóo asegura que Ciudadanos está máis pendente das intrigas para cambiar gobernos que da xestión da pandemia e prioriza os intereses do partido fronte aos da cidadanía. E agradece que Galicia quede á marxe do que cualifica de caos.
Es lamentable que Cs esté más pendiente de intrigas para cambiar gobiernos que de gestionar la pandemia. Ha obviado principios y priorizado intereses partidistas sobre el bienestar de los españoles.
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) March 10, 2021
Agradezco que Galicia votase estabilidad y que esté al margen de este caos
A pesar da ruptura no ámbito autonómico, o pacto PP e Ciudadanos seguira en vigor no Concello de Madrid. O seu alcalde José Luis Martínez-Almeida recibiu a confirmación da vicealcaldesa de Ciudadanos Begoña Villacís de que non haberá moción de censura no concello. En Castela e León, os voceiros parlamentarios dos dous partidos tamén ratificaron a continuidade do bipartito: salvo transfuguismo, non prosperaría a moción de censura do PSOE.
En Andalucía, o presidente, o popular Juanma Moreno, e o vicepresidente Juan Marín, de Ciudadanos, compareceron xuntos para lanzar unha mensaxe de estabilidade.