CRTVG

Buscar

Ayuso acusa a Sánchez de infundir medo para ter a xente sometida

Publicado o 04/10/2020 14:42

Isabel Díaz Ayuso, Presidenta da Comunidade de Madrid: "Xeran sensación de caos, lévano intentando todo o verán para xerar máis caos".

Nunha entrevista no xornal ABC, a presidenta da Comunidade de Madrid asegura que o Goberno de Pedro Sánchez decidiu intervir a rexión cando comprobou que as medidas do goberno autonómico para controlar a a pandemia estaban funcionando.

Isabel Díaz Ayuso, Presidenta da Comunidade de Madrid: "Queren transmitir que son necesarios, que ten que vir o mando único, a autoridade, como transmitiron na primeira parte da pandemia. Viven sobre o terror, sobre o medo, sobre a preocupación dos cidadáns para que todo o mundo teña que aceptar si ou si as normas á súa maneira".

Diaz Ayuso asegura que, segundo os datos do seu Goberno, nos próximos 15 días os contaxios van ir á baixa e está convencida de que, de seguir coa súa estratexia nas proximas semanas habería unha caída das cifras.

Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid: "Nós queriamos que se fixese unha corentena selectiva para as persoas que van contaxiando e non para o 100 por cento".

Á espera do que decidan os tribunais sobre o recurso da presidenta madrileña, que pedía a suspensión das medidas restritivas, a vicepresidenta do Goberno Carmen Calvo responde que sen saúde non hai economía.

Carmen Calvo, Vicepresidenta do Goberno: "Temos a man tendida, a coordinación permanente, os criterios que a ciencia ou os técnicos nos ditan para poder parar este virus, que é o noso único obxectivo, aínda que outros entenderon que o obxectivo é o acoso sen tregua ao Goberno".

Mentres, continúan os controis policiais nas entradas e saídas dos dez concellos afectados polas restricións. Dentro de cada municipio a imaxe é semellante á de calquera outra fin de semana destes tempos de pandemia.

"A xente dentro do municipio segue saíndo da casa porque non é o confinamento que tiñamos antes"; "desolador, os dependentes de Zara fóra fumando, os restaurantes, 'por favor, pasade', comida cubana, horrible". "Ou sexa, si pecha todo antes pero máis aló diso, non".

Ademais destes dez concellos, tamén hai restricións noutras tres áreas de saúde con menos de 100.000 habitantes pero cunha alta incidencia do virus.

Noticias web

04/10/2020