CRTVG

Buscar

Axudas de Medio Ambiente para prevención e danos por fauna salvaxe

Publicado o 14/09/2020 13:26

Esta explotación de vacas rubias de Láncara é unha das preto de 1.600 que se beneficiaron das axudas concedidas pola Consellería de Medio Ambiente para a adopción de medidas protectoras fronte aos ataques da fauna salvaxe. Pechouse integramente o perímetro de dúas leiras mediante arame e fío eléctrico. Dese xeito, as vacas están a salvo das acometidas do lobo, e os terreos non padecen as desfeitas do xabaril. A consellería destinou 1,2 millóns de euros ás axudas deste tipo no actual exercicio.

"Nun concello coma Láncara, igual que en toda Galicia, cómpre que poidamos ter ese equilibrio fundamental no que é a biodiversidade; que poidamos ter xabaril de xeito controlado, que poidamos ter o lobo, pero que non haxa un ataque continuado aos nosos gandeiros polo traballo que teñen ao longo de todo o ano", di Angles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente. 

Ademais dos valos, arames e peches perimetrais, Medio Ambiente subvencionou tamén a adquisición de cans de garda, como os mastíns. Para aquelas explotacións que non puideron defenderse da fauna salvaxe, a consellería destina 2,6 millóns de euros que servirán para pagar indemnizacións. Estas axudas débense solicitar antes do 11 de outubro e é preciso comunicar os danos a través do teléfono 012.

Noticias web

14/09/2020