Axudas de ata 10.800 euros para que a mocidade galega compre casa no rural
Dende o 2018 a Xunta pon a disposición dos mozos menores de 35 anos que desexen comprar unha vivenda no rural axudas de ata 10.800 euros. O número de beneficiarios ascende este ano a 96, pero a Xunta espera superar estas cifras no que queda de 2021.
Noelia leva pouco máis dun ano vivindo nunha casa no lugar de Codeso, no concello de Boqueixón. Grazas a que ten 27 anos e que a vivenda está nun concello de menos de 5.000 habitantes recibiu unha achega da Xunta de 10.800 euros para mercala. Noelia asegura que este tipo de apoios axudan os mozos a emanciparse e tamén a fixar poboación no rural.
No que vai de ano concedéronse 96 axudas a mozos para a compra de vivendas no rural, pero a intención da Xunta é superar o centenar antes de finais de ano. Case catro veces máis das que se concederon no 2018.
Dende a Consellería lembran que este tipo de axudas son compatibles con outro tipo de subvencións. Os únicos requisitos que deben cumprir os solicitantes son ter menos de 35 anos, que a vivenda custe menos de 100.000 euros e que estea nun concello de menos de 5.000 habitantes