CRTVG

Buscar

Axentes e veciños, co susto aínda no corpo tras as riadas da provincia de Ourense

Publicado o 10/07/2019 16:55

Estas imaxes resumen o que se viviu na comarca de Monterrei. A treboada foi tan forte que en pouco tempo toda a zona quedou presa da riada que levaba por diante todo o que atopaba ao seu paso. Presos quedaron tamén os veciños, que tiveron que ser auxliados e trasladados ao lombo. Os axentes da Garda Civil que participan no operativo tamén se recuperan do susto.

"O medo sempre está aí", comenta un dos axentes, "porque coa forza, a potencia, a corrente, troncos, ramas, pedras, en calquera momento podes verte nunha situación complicada". A colaboración entre forzas de seguridade e emerxencia e a dos propios veciños foi fundamental para que as cousas saíran ben.

E iso foi o que fixeron, eles e a veciñanza formaron equipo para trasladar nenos e maiores, mesmo animais domésticos, fóra de perigo. Veciños e axentes coinciden. Nunca viran nada igual.

"É a primeira vez na miña vida que me encontrei unha situación así, cunha riada tan forte, e ver a xente rodeada de auga e sen poder saír das súas casas, sen axuda", lembra un axente. Fondamente agradecidos están os veciños que tamén reviven com o os axentes, neste caso de Tráfico de Verín, entraron, "coa auga ao pescozo, e salváronnos".

Agora, uns e outros tentan volver á normalidade. Pasarán días ata que o consigan.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/07/2019