CRTVG

Buscar

Axentes da Policía Autonómica patrullan o Camiño de Santiago

Publicado o 21/08/2019 14:43

Acompañamos unha patrulla da Policía Autonómica encargada da vixilancia do Camiño de Santiago, en concreto no Camiño Francés, o máis concorrido. Pero hai patrullas polo Camiño Inglés, polo da Prata e tamén polo de Fisterra que cada vez ten máis xente. "Eu diría que o camiño é máis seguro que calquera cidade", di o subinspector da Policía, Claudio Amboage.

Entre os peregrinos tamén hai sensación de seguridade, mesmo os que camiñan sós, pero hai quen aproveita esta ocasión para chamar a atención sobre o estado dos albergues públicos. "Os albergues públicos aos que fun seguen igual que hai 12 anos. O de Gonzar está moi mal e o de Arzúa tamén, non ten nada para cociñar e temos que ir aos bares para poder comer", asegura un peregrino.

Estas patrullas son multidisciplinares. Axudan os peregrinos e ocúpanse de infraccións contra o patrimonio e medioambientais. Este ano realizaron máis dun milleiro de inspeccións, que deron como resultado dez denuncias. "Terrazas que ocupan parte do Camiño, cartelería prohibida pola lei, algunha edificación, verteduras."

O abandono de animais é outro problema que trae de cabeza estes policías. "Son animais que atopan polo Camiño pero cando chegan a Santiago teñen que deixalos e hai moitos abandonos porque case todos veñen sen chip e teñen que ser recollidos polas protectoras. Non hai forma de devolvérllelos aos donos."

O ano pasado chegaron a Compostela máis de trescentos mil peregrinos. Nos primeiros seis meses deste ano contabilizáronse máis de cento trinta mil.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/08/2019