AXEGA manexará en remoto aeronaves non tripuladas situadas en hangares na costa
As aeronaves non tripuladas son xa unha valiosa ferramenta en actividades coma a loita contra incendios ou operacións de salvamento. A Axencia Galega de Emerxencias vai incorporar un hangar para estas naves que vai estar situado na costa e que se vai controlar remotamente dende a sala do 112.
"Multiplícase a autonomía e a capacidade de operación da propia AXEGA, que pode mover remotamente o dron dende A Estrada a outro punto. O potencial da tecnoloxía é enorme", di a directora da área de tecnoloxía e aeronaves non tripuladas do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Nesta iniciativa vanse investir catro millóns de euros, públicos e privados. A meta é conseguir aplicar a intelixencia artificial ás operacións con aeronaves non tripuladas.
"Nova teconoloxía que nos permite dar unha resposta máis efectiva como servizo público pero sen esquecer que ao seu redor nacen novas empresas que xeran empregos de calidade e que hoxe Galicia sexa unha referencia", dixo o vicepresidente económico, Francisco Conde.
O vicepresidente económico anunciou que no segundo semestre deste ano se lanzará unha nova convocatoria para seguir desenvolvendo programas innovadores vinculados ao polo aeroespacial de Rozas.