CRTVG

Buscar

Avogados de familia instan a protexer o benestar do menor á hora de recibir a vacina

Publicado o 01/09/2021 15:17

Un adolescente de 16 anos xa alcanza a idade suficiente para tomar decisións acerca da súa saúde. Beatriz de Pablo, avogada da Asociación Española de Avogados de Familia, explica: "En principio os maiores de 16 anos poden ir vacinarse directamente, coller cita e acudir aos centros onde se efectúe a vacinación".

Os menores de 16 anos deben contar co consentimento de proxenitores ou titores legais. A Asociación Española de Avogados de Familia asegura que algúns dos seus letrados e letradas recibiron consultas de pais e nais separados que discrepan á hora de vacinar a súa filla ou fillo contra a covid−19.

Confirman que algúns deses casos se levou ao xulgado, pero non dispoñen de cifras concretas. Segundo a súa estimación non chegarían aos vinte casos en toda España. Aínda así, lembran que o prioritario é o benestar do menor.

"Se hai unha discrepancia, encontrámonos con que pode haber cinco, seis, sete meses ou ata un ano de espera para resolver esta cuestión, polo tanto non ten ningunha efectividade que nós vaiamos a un xulgado a resolver un problema e que ao cabo dun ano nos dean a solución", asegura Beatriz de Pablo, avogada da Asociación Española de Avogados de Familia. 

A Asociación Española de Avogados de Familia apela a un consenso entre as partes para que a decisión sobre vacinar un menor non se xudicialice.

Noticias web

01/09/2021