CRTVG

Buscar

Aviso vermello no litoral da provincia da Coruña e amarelo por neve en zonas de Lugo e Ourense

Publicado o 05/12/2020 09:04

O litoral da provincia da Coruña segue en alerta vermella por mar combinado con ondas de ata nove metros. Estará decretada dende a Costa da Morte ata A Mariña e manterase activa polo menos ata as tres da tarde do sábado. Despois pasará a laranxa. 

Este sábado tamén continúa o aviso amarelo por neve en zonas de Lugo e Ourense, segundo informa Meteogalicia. O venres pasado rexistráronse máis de 300 incidencias na comunidade. 

As ondas bateron con intensidade na costa e chegaron a superar os 8 metros de altura. No paseo marítimo da Coruña Policía Local e Protección Civil activaron un dispositivo de seguridade. As ondas finalmente non acadaron o paseo agás na zona das Esclavas, á que non se podía acceder desde primeira hora da mañá. Pola tarde si se pechou por precaución un treito do paseo á altura da coiraza do Orzán coincidindo coa preamar.

O vento do noroeste e o mar de fondo tamén se deixaron notar na Costa da Morte. En Malpica rexistráronse refachos máximos superiores aos 100 km/h e as ondas roldaron os 8 metros e medio de altura en Cabo Vilán. Unha situación que obrigou á frota a quedar amarrada a porto.

As ondas e o vento viñeron acompañados amais dunha baixada das temperaturas. O aviso vermello no mar manterase durante toda a xornada deste sábado polo que as autoridades insisten na importancia de respectar as normas e ser prudentes.

Evitar riscos nunha fin de semana en que nos acompañará o temporal.

Noticias web

05/12/2020