CRTVG

Buscar

Aviso vermello por altas temperaturas en varios puntos de España

Publicado o 12/07/2021 16:13

Haber hai moita, pero está mal repartida. A calor que a nós nos escapa concéntrase na xornada de hoxe no sueste da Península. A Axencia Estatal de Meteoroloxía alerta das altas temperaturas que poden chegar nalgúns puntos da rexión de Murcia e leste de Andalucía aos 44 graos, con mínimas superiores aos 25. É dicir, que ás cinco da mañá alí terán máis temperatura que nós aquí agora mesmo.

Unha masa de aire moi cálido procedente do norte de África provoca que nesta zona as máximas suban ata 12 graos. En aviso laranxa están localidades murcianas como Lorca ou Águilas. E en Andalucia, Málaga ou o levante de Almería, onde puntualmente poderían chegar tamén ao 44 graos.

Mentres, en Canarias volverán sufrir os efectos dunha espesa calima nun luns tamén bochornoso para eles, no que superarán os 35 graos.

A Comunidade Valenciana ten activada a alerta vermella en puntos do litoral. Nas cidades de Valencia e Alacante a temperatura subirá xenerosamente dos corenta, ata chegar a uns abafantes 43 graos. Evitar a exposición directa ao sol e facer exercicio nas horas centrais do día e, sobre todo, hidratarse e buscar lugares frescos son as recomendación para a poboación.

Noticias web

12/07/2021