CRTVG

Buscar

Aviso vermello no mar por ondas de nove metros de altura

Publicado o 13/11/2019 14:20

Malia que hoxe tamén hai aviso no mar, temos un lixeiro respiro. Porén nas últimas horas, o aviso laranxa deixou ondas de sete metros de altura, con picos de dez metros na Estaca de Bares. Unhas ondas altas que chegaron máis preto da nosa costa por mor das mareas vivas.

Esta madrugada o aviso no mar volverá ser laranxa, pero á primeira hora da mañá deste xoves será xa vermello desde a Costa da Morte ata A Estaca de Bares. E contra o mediodía activarase tamén na Mariña e nas Rías Baixas. As ondas máis elevadas poden moverse entre os oito e os nove metros de altura, que obrigarán á frota a quedar amarrada.

Nesta xornada, boa parte dos barcos, como os de Fisterra ou Cariño, si foron pescar. Porén mañá a situación vai ser outra.

As recomendacións, as de sempre. Non achegarse ás praias, paseos marítimos ou diques, evitar saír a navegar ou non arriscar para sacar unha boa fotografía son algunhas delas. Na Coruña, por exemplo, vanse tomar medidas extremas no paseo marítimo.

Xa contra a noite de mañá desactivaranse estes avisos. Porén o venres, no mar, volverá haber temporal con aviso laranxa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2019