CRTVG

Buscar

Aviso laranxa por vento en case toda Galicia e actividades exteriores suspendidas

Publicado o 14/03/2018 12:37

Despois do temporal Félix, que o fin de semana afectou a comunidade galega, a chegada dunha borrasca moi profunda bautizada como Gisele deixará nas próximas horas refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora en boa parte de Galicia, o que obrigou a activar a alerta de nivel laranxa.

As predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) son que a partir das primeiras horas da madrugada do mércores se produzan refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora en toda a provincia da Coruña, así como en zonas de Lugo (A Mariña, centro e montaña), Pontevedra (Rías Baixas, Miño e interior) e Ourense (sur, noroeste e montaña).

Con todo, no resto do territorio, a alerta por vento será de nivel amarelo. Así mesmo, desde a madrugada do mércores tamén estará activa a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña, onde se espera mar combinado do suroeste con ondas de 5 a 6 metros.

Ademais da alerta por vento, este mércores tamén estará activa unha alerta amarela por choivas en zonas da Coruña, Pontevedra e Ourense; e por neve por riba dos 1.200 metros na montaña de Ourense e Lugo.

Ante esta situación meteorolóxica, a Xunta decidiu suspender as actividades no exterior dos centros educativos da maior parte de Galicia. De todos os xeitos, a Comisión Escolar de Alertas faculta ás direccións dos colexios para "adoptar as decisións oportunas" sobre a suspensión das actividades extraescolares en caso de que as circunstancias supoñan un risco superior ao previsto ou mesmo se se chegase a activar un risco aínda maior de alerta.

Inverno de borrascas

Primeiro foi Ana, despois Bruno. Carmen e David case non nos tocaron. Pero si viñeron visitarnos Emma e Félix. E hoxe, xa se deixa sentir, Gisele está con nós.

"Tivemos un inverno moi curto pero moi duro, con temporais de vento, chuvia e grandes ondas", dinos Xoán Taboada desde Meteogalicia.

Coma en todo, aquí tamén hai explicación. Nesta época de inverno hai máis probabilidades de que as borrascas cheguen a Galicia porque hai máis aire frío no hemisferio norte e os temporais aliméntanse precisamente diso, de aire frío. Un aire que habitualmente se mantén dando voltas en espiral en zonas polares, o que se chama vórtice. Pero no mes de xaneiro esa corrente de aire deixou de xirar.

"Rompeu o vórtice e o aire desparramouse a latitudes medias. Unha parte foi cara a Siberia, de aí que tivésemos tantos episodios de xeada e nevaradas. E a outra parte situouse sobre O Cánada, como o aire se move de oeste a leste, vai alimentando as borrascas, que son as que nos chegan a Galicia".

E o tren de borrascas ven cargadiño de vagóns que seguirán deixando chuvia, vento e máis nevaradas o que queda de semana.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2018