Aviso laranxa por un temporal de mar combinado en todo a costa galega
O mar anda revolto por Valdoviño. Un veciño conta que "está o tempo moi malo e o mar está nunha situación complicada, con ondas bastante grandes".
O vento do suroeste sopra con forza sete e as ondas superan os cinco metros de altura. A situación de mar combinado mantén activo un aviso laranxa en todo o litoral galego. "Está algo revolto, pero a min gústame así". "Pon respecto, esperemos que ata aquí non chegue". "Para pasear está ben, que sempre está ben para pasear", explican as persoas que camiñan polo paseo.
Paseos si, pero con sentidiño. Na Coruña, os accesos ás praias urbanas están pechados e a Torre de Hércules non recibe visitantes. Nas próximas horas o nivel de aviso baixará a amarelo, pero o estado do mar volverá empeorar a medida que avance a xornada do luns coa entrada dunha nova borrasca. Para este serán agárdanse ventos intensos e chuvias fortes que van afectar sobre todo ás provincias de Ourense e Pontevedra.