CRTVG

Buscar

Aviso laranxa no litoral galego por un temporal costeiro que chega este martes

Publicado o 05/11/2018 23:42

• Agárdanse ondas de 4 a 5 metros na Coruña, con intervalos de vento de suroeste con forza oito | Consulta aquí a previsión meteorolóxica

Aviso laranxa no litoral galego por un temporal costeiro que chega este martes

Un total de 18 provincias terá este martes aviso de risco (amarelo) ou risco importante (laranxa) por choiva, vento, neve ou fenómenos costeiros, segundo avisou a Axencia Estatal de Meteoroloxía.

A forte ondada afectará Galicia e a cornixa cantábrica. En concreto, o risco importante afectará A Coruña, onde se esperan intervalos de vento de suroeste con forza oito e ocasionalmente 9, con ondas de 4 a 5 metros; en Lugo, con forza 8; en Pontevedra espéranse intervalos de vento do oeste ou noroeste con forza 8. En Asturias, o risco tamén será importante, con intervalos de vento do oeste ou do noroeste, con forza 8 e en Cantabria a mar combinada de noroeste deixará ondas de cinco metros.

Mentres, en Biscaia e Guipúscoa o aviso por fenómenos costeiros é amarelo, por vento do oeste ou noroeste con forza 7 e mar combinado de oeste a noroeste de 4 a 5 metros. O vento, con refachos de ata 80 quilómetros por hora, afectará todas as provincias galegas, Asturias, Cantabria, Áraba, Biscaia e Navarra. Ademais, terán aviso por choiva, xa que se poderán acumular ata 15 litros por metro cadrado nunha hora na Coruña, Pontevedra e en Cantabria.

En canto ao risco por nevadas, a AEMET avisou a Huesca, Navarra, A Rioxa, Burgos, Segovia, Soria, Madrid e Guadalaxara. En xeral, a AEMET espera que este martes se produzan precipitacións fortes ou persistentes no oeste de Galicia e nebulosidade abundante en gran parte da Península, con choivas na metade norte que non chegarán ao área mediterránea.

Estas precipitacións serán localmente fortes ou persistentes no oeste de Galicia, mentres na metade sur da Península non se esperan e en Baleares, con todo, non se descarta algún chuvasco débil e ocasional, sendo máis probable en Menorca. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/11/2018