CRTVG

Buscar

Aviso laranxa no litoral galego por ondas e refachos, que alcazaron os 155 km/h en Viveiro

Publicado o 14/01/2020 21:38

Situación complicada no mar a que está a deixar na costa da provincia da Coruña o temporal de vento combinado con ondas de mar de fondo, que obrigou a activar o aviso laranxa. Na tarde deste martes as ondas superaron de altura media os 8 metros en Cabo Vilán, onde mesmo houbo ondas que puntualmente acadaron os 9 metros. As malas condicións no mar impediron que a frota pesqueira saíra traballar como ocorreu neste porto de Malpica.

O vento tamén zoou con intensidade durante toda a xornada e máis canto máis ao norte. Os refachos máximos acádaronse en Cedeira con 114 quilómetros por hora e Estaca de Bares con máis de 120. Aínda así en boa parte do litoral coruñés superáronse os 90 quilómetros por hora. Foi o caso da Costa da Morte e tamén da cidade da Coruña.

Nas próximas horas ao temporal por vento e a forte ondada haberá que sumarlle as chuvias que se agardan intensas para esta madrugada.

155 km/h en Viveiro

O temporal de vento intensificouse ao longo desta xornada en toda A Mariña. A estación de Penedo do Galo, en Viveiro, rexistrou o refacho máis intenso, superando os 155 quilómetros por hora. As consecuencias déixanse sentir en terra, en forma de árbores caídas, contedores envorcados e uralitas desprendidas.

Consecuencias tamén no mar. As embarcacións máis pequenas permaneceron todo o día amarradas a porto.

As actividades ao aire libre estiveron suspendidas en todos os concellos costeiros e o aviso laranxa mantívose activado toda a xornada. Así permanecerá, cando menos, ata mañá.

Provincia de Pontevedra

Nin falta fai poñer un pé na rúa para saber da forza do vento, pero saír a comprobalo é un espectáculo.

En Oia os refachos do sudoeste, que zoan con forza 8, acadaron os 94km/h, mentres que as ondas en Cabo Silleiro chegaron aos seis metros e medio de altura. Como para perdelo.

A alerta mudará de laranxa a amarela nunha xornada de transición antes do próximo temporal que ten prevista a súa chegada o vindeiro xoves.

Noticias web

14/01/2020