Aviso laranxa no litoral e neve na montaña de Lugo e Ourense ás portas de maio
A bravura do mar dá conta do aviso laranxa que, desde este mediodía, afecta toda a costa atlántica por mar combinado con ondas de entre cinco e seis metros de altura. Unha situación que obrigou a boa parte dos barcos a quedar amarrados. Na provincia de Pontevedra, esta mañá, tan só saíron o mar tres barcos de Marín. Na da Coruña, os barcos da cidade herculina e os de Cariño, por exemplo, tampouco saíron o mar. Aquí, en Muxía, só foi un. Daniel Castro. patrón maior da confraría de Muxía. "Foi un, o resto xa non se atreceu. Dan moito mar e foron buscar abrigo a outros portos"
Non poden traballar no mar, pero aproveitan o tempo para facelo en terra: "Aproveitamos para arranxar os aparellos que se nos estragaron porque fomos buscalos hai dous días que tamén había moito mar".
Porén na zona da Mariña, polo momento, o aviso é amarelo, pero pola tarde subirá un chanzo e pasará a ser laranxa. Alí boa parte dos barcos saíron faenar. Con todo, segundo as previsións, ata as tres da tarde deste venres, vaise manter o aviso laranxa en todo o litoral galego.
"É que mañá supoñemos que tampouco imos ir...".
Con esta situación, recoméndase evitar os diques e zonas de costa para previr eventuais golpes de mar, así como tamén as actividades pesqueiras e o marisqueo nas zonas máis perigosas.
Intensa nevarada no Cebreiro Neve ás portas de maio. A neve converte esta pequena aldea do Cebreiro no centro de todas as miradas e na paisaxe de centos de fotos. Mentres os peregrinos fan unha parada no camiño para desfrutar dela, hai quen se achegou ata aquí a propósito só para vela.
Estas intensas e consecutivas nevaradas xa ás portas do mes de maio tamén sorprenden aos veciños da zona. Din que este foi un ano atípico no que comezou a nevar moi cedo, a finais de outubro, logo o inverno foi tranquilo e agora agardan a que estas nevaradas sexan as últimas.
Malia que sempre cómpre extremar precaucións, a neve non deixou incidencias nin complicacións nas principais estradas da provincia de Lugo.
A neve tamén cubriu os cumios da provincia de Ourense. As folerpas callaron por riba dos 1.000 metros. A Dirección Xeral de Tráfico recomendaba a primeira hora da mañá extremar a precaución á hora de circular pola autovía das Rías Baixas, no límite coa provincia de Zamora. Xa atopamos neve dende a zona da Gudiña. Durante toda a xornada a zona de montaña está en aviso amarelo por nevaradas. Os termómetros caeron ata case os menos 4 graos en Xares, na Veiga. A temperatura máis baixa de Galicia.