CRTVG

Buscar

Aviso laranxa no litoral da Coruña por ondas que poden superar os cinco metros de altura

Publicado o 03/03/2020 15:06

Aviso laranxa na Costa da Morte e no noroeste da Coruña por ondas que volven superar os cinco metros. Pero tamén A Mariña e as Rías Baixas están en aviso amarelo por mar de fondo. Seguimos inmersos nesta sucesión de frontes que manteñen a inestabilidade, e semella que o resto da semana continuará traéndonos este tempo desapracible. Hoxe, malia a beleza e o perigo do mar, puidemos ver barcos que se atrevía a saír faenar e facíano saltando, literalmente, entre as ondas. 

Doce da mañá en Muxía, e o vento apenas deixa oír as badaladas... Máis aló da campá contemplamos un mar en alerta laranxa. Miramos tres barcos con ollos de turista sorprendido.

"Xa lle vin dicindo á muller no coche que teñen que ter un valor bárbaro para saír pescar con este tempo".

Mentres nos preguntamos a que andarán estes mariñeiros, atopamos o fareiro.

"Agora veño de Touriñán, que se lle apagara unha lámpada e había que arranxala para que volva funcionar pola noite. Neste tempo é cando máis avarías temos".

Un tempo que non intimida estes homes de mar nin arredra estas peregrinas portuguesas.

"As pedras máxicas. E a dar voltas arredor delas para nos curar".

Tamén nós damos voltas para preguntar polos intrépidos que saíron ao mar.

"Isto para eles é un día normal. E no inverno máis, claro". "Son barcos do arrastre, grandes, que aguantan ben o temporal".

Pero o porto parece tranquilo, case parado.

"Dos pequenos non saíu ningún".

Un porto en calma mentres o mar se levanta. O espectáculo invernal promete continuar nestes primeiros días de marzo.




 

Noticias web

03/03/2020