CRTVG

Buscar

Aviso laranxa en todo o litoral por vento forte e ondas de ata oito metros

Publicado o 01/02/2021 15:53

O mal tempo non dá tregua. Justine deu paso a unha nova borrasca atlántica que obrigou a activar o aviso laranxa en todo o litoral galego. Con refachos de vento de forza sete e ondas que superaron os sete metros en estaca de Bares ou cabo Silleiro foron poucos os barcos que se atreveron a saír pescar e os que o fixeron quedaron ao abrigo da ría.

O armador, Francisco Fernández, recoñece que na costa o mar está moi mal e asegura que mañá xa non sairán faenar. Di que entre a covid e o mal tempo que tiveron en xaneiro estano pasando moi mal. Así e todo, a maioría da frota galega optou por quedar amarrada. 

Antonio López, patrón de barco, di que xa levan varios días sen sair pescar polas malas condicións meteorolóxicas. Espera que mellore a partir da semana que ven pero lembra que para esta noite dan moi mal tempo.

José Lorenzo, mariñeiro xubilado de Corrubedo, advirte de que saír nestas condicións é un suicidio. 

Mañá a advertencia baixará a nivel amarelo durante a primeira metade do día, pero xa pola tarde as condicións meteorolóxicas volverán a empeorar activándose de novo o aviso laranxa por mar de fondo e por fortes refachos de vento que no litoral superarán os 60 quilómetros por hora.

Noticias web

01/02/2021