CRTVG

Buscar

Aviso laranxa en todo o litoral e amarelo por chuvia na Coruña e Pontevedra

Publicado o 14/02/2018 21:00

Aviso amarelo por choiva

Varias borrascas atlánticas atravesan hoxe Galicia. Esta tarde desactivouse un aviso por chuvia e, en poucas horas, volve activarse outro aviso novo. Mañá a partir das 9 da mañá a auga volverá caer con forza na provincia de Pontevedra e tamén na da Coruña. A costa atlántica está outra vez en aviso amarelo por chuvia. As predicións din que poden acumularse ata 40 litros por metro cadrado en 12 horas. Aquí en Cuntis caeron hoxe 60 litros por metro cadrado. Pero o concello onde máis choveu foi Fornelos de Montes.

A borrasca deste xoves entrará polo suroeste e deixará moita auga na serra do Suído e en todas as zonas altas da provincia de Pontevedra. De feito, Fornelos de Montes foi xa este mércores o concello onde máis choveu. Tivo 67 litros por metro cadrado. A chuvia venlle especialmente ben a este encoro de Eiras, moi afectado pola seca.

As chuvias tamén serán intensas no oeste e o suroeste da provincia da Coruña. Aquí, un dos concellos que rexistrou máis auga este mércores foi Boiro, con case corenta litros por metro cadrado durante toda a xornada. 

Aviso laranxa en todo o litoral

Boa parte da frota pesqueira estivo amarrada a porto durante todo o día, e parece que tampouco van poder traballar mañá. A esta hora xa non hai o aviso amarelo no mar pero a tregua vai durar pouco. Nas primeiras horas do xoves volverá activarse e entre o mediodía e as doce da noite de mañá converterase en aviso laranxa en todo o litoral, desde A Guarda ata a Mariña de Lugo. O responsable, o mar de fondo do noroeste con ondas de ata seis metros de altura. 

Boa parte da frota pesqueira permaneceu amarrada a porto durante todo o día. Ata as seis da tarde estivo activado un aviso amarelo por mar axitado como consecuencia da forza do vento e das ondas que acadaron os catro metros de altura. 

En Fisterra só saíu un barco, en Muros quedou amarrada a maioría da frota de baixura e nalgunhas localidades como en Caión, quedaron todos os barcos en porto.O vento deixouse sentir tamén en terra, sobre todo no litoral lugués. E na Coruña, ainda que non se chegou a activar aviso ningún tamén houbo refachos fortes de vento.

Por exemplo, en punta Candieira superaron os 90 quilómetros por hora e en Cariño, os 80 quilómetros por hora. A situación preséntase peor para o xoves, que arrancará con aviso amarelo que se converterá en laranxa entre as doce do mediodía e as doce da noite. O responsable é unha vez máis o mar de fondo do noroeste. Está previsto que as ondas acaden entre os 5 e os 6 metros de altura en todo o litoral de Galicia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2018