CRTVG

Buscar

Aviso amarelo por máximas por riba dos 36 graos en Ourense e no sur de Lugo

Publicado o 23/07/2019 15:08

Parte do interior de Galicia está en aviso amarelo por temperaturas altas, no sur de Lugo e, sobre todo, na provincia de Ourense.

Non será porque non estaban advertidos. Meteogalicia activou un aviso amarelo a partir das tres da tarde por altas temperaturas que afectaba o sur de Lugo e a boa parte da provincia de Ourense. Estaba previsto que as máximas superasen nestas zonas os 36 graos. E certo é que non se equivocaron. Xornada abafante en boa parte do interior de Galicia.

Amenceu o día anubrado e con temperaturas moderadas, pero a medida que foi avanzando a xornada, sobre todo a partir do mediodía, os termómetros comezaron a súa escalada. Chegaron os 39 graos en Vilamartín de Valdeorras, os 38 en Ourense, Leiro, Pantón ou Sober, e os 38 e medio na Arnoia. Non fai falta moita mais explicación para o concorridas que estiveron hoxe as piscinas e as beiras dos ríos.

E malia que o aviso amarelo rematou ás nove da noite, non hai que esquecer que en Ourense as mínimas rozan os vinte graos. Semella que a máis de un lle custará hoxe conciliar o sono.

Noticias web

23/07/2019