CRTVG

Buscar

Neve na montaña de Lugo e Ourense e aviso amarelo por chuvia en Pontevedra

Publicado o 13/02/2018 15:04

 

Hoxe hai unha chea de problemas polo tempo. Nesta xornada xa houbo avisos activados por chuvia, por altura de onda, por vento, e tamén pola neve, un día máis. E a maioría seguen activos arestora, e anúncianse tamén para as próximas horas.

Volveu a nevar na alta montaña de Lugo e fíxoo con intensidade durante a noite. A mañá houbo circulación condicionada nas estradas que van de Lugo á Fonsagrada, e no alto do Poio en Pedrafita do Cebreiro. Mentres, na costa, os protagonistas son o vento e a chuvia. En Viveiro rexistrábase un refacho de case 140 quilómetros por hora.

A neve que caeu esta noite... e a que se acumula dos doce días que leva nevando aquí na Fonsagrada. As nevadas non dan tregua pero os veciños seguen coa súa actividade. O panadeiro reparte o pan e os que teñen negocios pa en man limpan os accesos para os seus clientes. A neve que caeu hoxe é máis húmida e a media mañá chegou a chuvia polo que agora todo apunta a que este temporal remite e empezará a esvaecerse a paisaxe branca.

A primeira hora da mañá a neve condicionou a circulación en moitas estradas da montaña. É o caso do alto do Poio en Pedrafita do Cebreiro que estivo cortado para camións e era obrigatorio o uso de cadeas. Tamén houbo circulación condicionada na estrada que vai de Lugo á Fonsagrada e mesmo cortes intermitentes para os vehículos articulados na A-6, á altura do concello do Corgo.

Se na montaña a protagonista é a neve na costa é o vento, a grande altura de onda e a chuvia. A Mariña está en aviso amarelo. En Viveiro rexistrábase un refacho de case 140 quilómetros por hora.

Tamén na montaña do oriente ourensán nevou con intensidade desde primeiras horas do día. O traballo das quitaneves, tanto na autovía das Rías Baixas, como noutras estradas dos concellos da Gudiña, A Mezquita e Viana do Bolo, evitaron problemas. Pero as previsións din que seguirá a nevar nas próximas horas.

Desde as sete da mañá está a nevar nas zonas altas do oriente ourensán. As quitaneves do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galicia, ademais dos operativos que contan os distintos concellos, estiveron a traballar arreo para evitar alteracións no tráfico. A intensa nevada sorprendía condutores e veciños.
Axentes da Garda Civil, así como operativos de Protección Civil e das brigadas de limpeza das estradas, continuarán traballando nas próximas horas en que as previsións apuntan que seguirá a nevar nas zonas altas da provincia de Ourense.
A alerta amarela por neve manterase nas próximas horas en zonas situadas por riba dos 1.200 metros de altitude. A choiva será a protagonista da tarde do Martes de Entroido no resto da provincia de Ourense.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018