CRTVG

Buscar

Aviso amarelo por calor no litoral pontevedrés, na conca do Miño e na comarca de Valdeorras

Publicado o 23/08/2021 13:29

Ata 35 graos en Pontevedra, Vigo e Ourense; case 30 en Santiago ou Ferrol e por riba dos 25 na Coruña e Lugo. Fíxose moito de rogar en xullo, pero o verán segue con nós nesta segunda quincena de agosto e vai quedar aínda uns cantos días máis, polo menos. Na comarca de Valdeorras, a conca e a desembocadura do Miño e o litoral pontevedrés actívase esta tarde un aviso amarelo por altas temperaturas. 

Vigo, destino ideal para escapar da calor asfixiante, activa agora o aviso amarelo vixente no litoral de Pontevedra. O tempo semella estar un pouco tolo, pero Vigo volve ser un fervedoiro de bañistas nas praias cunha máxima de 35 graos, a temperatura más alta do ano.

Mañá agárdase unha mínima de 22 graos na cidade olívica e a máxima de novo roldará os 35. Toca gozar da calor cun agosto que nos seus últimos compases ven agasallarnos con días solleiros e noites tropicais.

Agárdase unha xornada calorosa tamén na provincia de Ourense. E malia que as mañás están sendo frescas, a entrada dunha masa de aire cálido desde o sur da península elevará os termómetros pola tarde, en toda a conca do Miño, ao seu paso pola cidade, no Ribeiro e tamén na comarca de Valdeorras, onde as temperaturas poden superar os 36 graos.

Ao sol costoulle asomar ata a media mañá na cidade das Burgas. Con 16 graos á primeira hora do día os ourensáns aproveitan as horas máis frescas para saír de recados ou pasear.Mentres uns foxen das altas temperaturas do val do Miño outros gozan do sol e tempo de verán, no río ou na piscina.

Noticias web

23/08/2021