CRTVG

Buscar

Aviso amarelo por calor en Lugo e Ourense, que se irán achegando aos 40 graos

Publicado o 05/08/2020 13:20

Coa previsión da chegada dunha nova vaga de calor, o mellor é achegarse ao río para estar o máis frescos posible. Así o fixeron en Monforte, onde se agardan para esta tarde 34 graos de temperatura e 37 para a tarde de mañá.

Pero a peor parte vana ter, como é habitual, en Ourense, onde se agardan os 37 para hoxe e chegar ata os 40 graos na tarde da xornada do xoves. Unha calor abafante á que, con todo, a maioría de veciños xa están afeitos nestas zonas cando chega o mes de agosto.

"Hai que beber moita auga, poñerse á sombra preto dos ríos e levar roupa clara", recórdannos na rúa.

Para a noite está prevista unha forte baixada de temperaturas, que quedarán na metade das rexistradas durante o día. Por exemplo, en Monforte pasarán de 34 a 17 graos nas horas nocturnas.

Aínda que o termómetro vai baixar de cara á fin de semana, no centro de Galicia van seguir por riba dos trinta graos, polo que as autoridades sanitarias lembran a necesidade de manter todas as precaucións para evitar riscos derivados da intensa calor.

Noticias web

05/08/2020