CRTVG

Buscar

Unha nova estimación indica que o lume forestal de Monterrei afecta 450 hectáreas

Publicado o 25/07/2020 10:18

• Máis de 230 hectáreas arrasadas en Viana do Bolo


 

Moi pendentes dun incendio en Monterrei que nas últimas horas se afastou das casas, pero que onte pola noite obrigou a activar a situación 2 e pedir reforzos da UME. Tras a apertura do día, efectuouse unha nova estimación que rolda as 450 hectáreas afectadas, parte delas parcelas agrícolas. Nas próximas horas faranse novas medicións. A maiores, solicitouse a desactivación da Situación 2.

Os equipos de extinción tamén traballan a reo en Viana do Bolo. Un lume calcinou máis de 230 hectáreas e, por extensión, é, de momento, o máis importante dende o inicio da campaña de verán. As autoridades pensan que se trata dun incendio intencionado porque se orixinou en cinco puntos distintos. O vento e a pendente do terreo dificulta a súa extinción.

A Consellería do Medio Rural declarou como medida preventiva a denominada 'situación 2' nun incendio forestal activo no municipio ourensán de Monterrei. Segundo explicou Medio Rural, esta situación operativa de emerxencia declárase "por proximidade do lume ao núcleo de Salgueira". Ademais, pechouse ao tráfico a estrada que une Medeiros e O Requeixo. A Xunta pediu a intervención da UME. Con todo, semella que a intensidade das lapas comeza a ser menor. Segundo informou o alcalde de Monterrei, hai dous focos importantes, un Flariz e outro en Medeiros, pero o incendio retrocedeu e xa está lonxe das vivendas.

O lume forestal de Monterrei (Ourense) que afecta á parroquia de Flariz desde as 17,05 horas deste venres arrasou unhas 150 hectáreas, segundo as primeiras estimacións. Na zona traballaron tres axentes, seis brigadas, catro motobombas, unha pa e medios aéreos.

Máis de 230 hectáreas arrasadas en Viana do Bolo

Máis de 24 horas leva ardendo o monte comunal de Vilardemilo, en Viana do Bolo.
Un incendio no que a intencionalidade parece clara.

O traballo intenso das brigadas durante a noite, súmase dende a mañá o apoio dende o aire.A forza do vento e a dificultade do terreo complican moito as labores dos servizos de extinción.

Segundo as últimas estimacións, este incendio, o maior da nosa comunidade no que vai de verán levou xa por diante 230 hectáreas.

Noticias web

25/07/2020