CRTVG

Buscar

A Generalitat confirma contactos para unha xuntanza entre Sánchez e Torra

Publicado o 08/01/2020 15:05

• Torra non acatará a inhabilitación

Os gabinetes de Sánchez e Torra xa se puxeron en contacto para preparar ese achegamento entre os dous mandatarios. Quim Torra quere que o encontro se celebre antes da constitución da mesa de negociación que o PSOE pactou con Esquerra Republicana como parte do acordo de investidura. Esa circunstancia dalles pouca marxe, xa que o pacto establecía que esa mesa debía estar en marcha en menos de 15 días.

Torra non acatará a inhabilitación

Quim Torra cre que a decisión da Xunta Electoral de inhabilitalo como deputado e, en consecuencia, como presidente forma parte dunha persecución de tipo político. Así o asegura nun escrito ao Tribunal Supremo, en que Torra pide medidas cautelares para suspender esa decisión que, lembremos, se deriva dunha condena por desobediencia que aínda non é firme. En calquera caso, o govern insistiu en que non acatará a orde da Xunta Electoral. Se finalmente Torra ten que deixar a Generalitat, o seu vicepresidente non é partidario de adiantar eleccións, senón de que o Parlament designe outro presidente. O republicano Pere Aragonès lembrou ademais que, en caso de cesamento de Torra, a dirección interina do executivo lle corresponde a el.

Noticias web

08/01/2020