CRTVG

Buscar

Alcoa reduce a produción de aluminio nas plantas á espera de atopar un novo investidor

Publicado o 05/02/2019 19:20

Alcoa deixa de producir aluminio primario na Coruña. Hoxe empezou a desmantelar a planta da Grela, á espera de que poida chegar un comprador antes de xullo para volver reactivala. A ministra de Industria asegura que están negociando con varios investidores.

Tal e como marcaba o almanaque, Alcoa comezou este martes a parada das 50 primeiras cubas de produción de aluminio na planta da Coruña. A multinacional segue co seu plan de demolelas antes do 30 de xuño se de aquí a aló non aparece un comprador. Con ese obxectivo, o Goberno vai por en marcha dúas oficinas, unha na Coruña e outra en Avilés, para buscar proxectos industriais que salven as dúas factorías. A ministra de Industria, que este martes se reuniu cos traballadores, asegura que enriba da mesa hai varias ofertas.

Reyes Maroto, ministra de Industria: "A busca de investidores ten que ser cunha certeza de que hai unha continuidade a medio e longo prazo, e sempre garantindo a continuidade do maior número de postos de traballo".

Manter o emprego é a prioridade dos traballadores de Alcoa, que lle piden ao Goberno garantías para os cadros de persoal das dúas factorías. 

Miguel Conde, voceiro do comité de empresa de Alcoa A Coruña: "O que volvemos pedir desde o comité de empresa é o compromiso como Goberno e como ministra de Industria para buscar unha solución para os máis de 500 traballadores desta planta, e para os outros tantos da planta de Avilés".

O Goberno conta con aprobar en dous meses o novo estatuto da industria electrointensiva, que favorecerá as empresas que, como Alcoa, son grandes consumidoras de enerxía, e pode facilitar a venda da planta da Coruña.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/02/2019