CRTVG

Buscar

Avalíanse os danos do incendio en Notre Dame mentres se investiga a orixe

Publicado o 17/04/2019 08:09

Os bombeiros de París foron os primeiros en conmoverse ante a visión do interior de Notre Dame consumido polas lapas.

Coa luz do día os danos xa eran máis apreciables, e mentres as autoridades facían as primeiras valoracións, os cidadáns entoaban Ave Marías pola súa catedral no exterior.

A armazón da cuberta quedou totalmente destruída. Era de madeira, do século trece. Das nove bóvedas da catedral, arderon dúas. Os tres rosetóns principais non sufriron danos graves, pero si os que estaban ao nivel da cuberta calcinada. Outros elementos están afectados tanto polo lume como pola auga que se usou para extinguilo: é o caso dos cadros e dos órganos. Hai obxectos que se salvaron das lapas, uns por ser rescatados a tempo, outros por estar fóra da catedral por mor dos labores de recuperación que se levaban a cabo.

A maior parte dos estragos do interior concéntranse baixo o cruceiro, que daba soporte á agulla, engadida á basílica no século dezanove e que se desplomou unha hora despois de declararse o lume.

O sistema de construción medieval fixo que a estrutura resistira. Agora, os que traballaban na restauración teñen un reto moito maior. E toca falar de cartos: doazóns de millonarios, colectas, axudas internacionais... e varios lustros, posiblemente, farán falla para que a catedral volva lucir coma nestas imaxes, as deste domingo de ramos, a última celebración que acolleu.

Con todo, Notre Dame, Nosa Señora, segue aí, queimada e maxestosa, protexida polo Sena e arrolada con cánticos devotos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/04/2019