CRTVG

Buscar

Avalancha de voluntarios para acoller temporalmente mascotas do refuxio de Cambados

Publicado o 20/09/2021 14:01

Empregados do Servizo de Obras do concello de Cambados traballan na reforma das instalacións do refuxio de animais. Era unha remodelación pendente desde hai unha década. 

Olga Costa, directora do refuxio de animais de Cambados: "É algo moi necesario que nos vai facilitar o aforro de auga, deterxente e tempo ás persoas que estamos aquí traballando a diario".

Os traballos consisten en acondicionar o patio onde están os animais soltos durante o día. Vanlle facer a canalización de augas. Pero o problema que se presentaba era que facer cos cans e gatos que están no refuxio durante os días que dure a obra.

Desde a protectora pediron axuda a través das redes sociais e a resposta superou as expectativas máis optimistas.

Olga Costa, directora do refuxio de animais de Cambados: "En 27 minutos xa tiñamos a páxina web colapsada. O venres ao mediodía xa estaban todos con familia adxudicada. Chamadas, mensaxes, xente que se achegou ata aquí e á veterinaria do refuxio, a xente parábame pola rúa para preguntar como podía colaborar... a verdade é que ata me emocionei e ata choraba".

Os ofrecementos de casas de acollida temporal ou mesmo de adopcións chegaron tamén desde fóra de Galicia. E outras protectoras de animais ofreceron axuda. 

Olga Costa, directora do refuxio de animais de Cambados: "O que me fai entender é que os animais importan, a súa calidade de vida importa, e isto é unha chamada de atención ás autoridades, á Xunta e a todos de que os animais si que importan".

A saída dos animais faise de forma gradual. Cada día marchan uns poucos cans e gatos co microchip correspondente e un contrato de acollida. Se as obras van como está previsto, rematarán esta semana.

Noticias web

20/09/2021