CRTVG

Buscar

Auxilian en Monforte un condutor desorientado que cría que estaba en Francia

Publicado o 02/04/2019 23:19
Auxilian en Monforte un condutor desorientado que cría que estaba en Francia

A Garda Civil auxiliou un condutor de 79 anos con residencia en Francia "con síntomas de desorientación" na N-120 ao seu paso polo termo municipal de Monforte de Lemos. 

A patrulla identificou un condutor de orixe marroquí, de 79 anos e con residencia en Francia, o cal, a pesar de presentar "evidentes síntomas de desorientación e de mobilidade", manifestou reiteradamente que se atopaba ben e xa preto do seu domicilio na localidade de Limoges, en Francia. A pesar de que este unicamente se expresaba en francés e con dificultades de expresión, os axentes convencérono de que debía trasladarse ao Hospital Comarcal de Monforte, onde os facultativos decretaron o seu ingreso hospitalario.  

O vehículo en que circulaba trasladouse ao cuartel de Monforte de Lemos, onde quedou custodiado ata a recuperación do seu condutor, segundo indicaron as mesmas fontes. Seguidamente, realizáronse múltiples xestións para a localización de familiares aos que poder comunicar o estado do cidadán francés. Ao día seguinte foi dado de alta hospitalaria coa indicación expresa no parte médico de que non estaba en condicións de conducir, polo que lle xestionaron os axentes un aloxamento nun hotel da localidade.

"Dado o desexo de continuar a viaxe cara ao seu domicilio e a súa incapacidade para conducir, coordinouse un servizo de guindastre que trasladase o vehículo ata Limoges", explicou a Garda Civil.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/04/2019