CRTVG

Buscar

Autorizan unha nova autopsia dos corpos das vítimas do dobre crime de Almonte

Publicado o 17/10/2019 14:09

Pasaron máis de seis anos, pero o dobre crime de Almonte segue sen se resolver. O 27 de abril de 2013, Miguel Ángel, de 39 anos, e súa filla María, de oito, preparábanse para ir cear fóra da casa, cando alguén entrou na vivenda e matounos asestándolles 151 coiteladas.

O único sospeitoso, que era parella da ex-muller e nai das vítimas, estivo no cárcere durante tres anos, pero finalmente quedou libre despois de que tres tribunais o declararan non culpable.

A familia segue a facer presión para que as investigacións continúen. A nai de María e ex-muller de Miguel Ángel dicía en 2017, durante o xuízo, que desde o crime non ten vida.

Ela, canda outros familiares, pediu unha segunda autopsia e a xuíza autorizouna. Exhumarán os corpos de pai e filla. Tamén ordenou novas probas forenses sobre o vestido da pequena e a manta coa que o asasino cubriu o seu cadáver. Ademais, a maxistrada denegou a petición do home absolto polo dobre crime de presentarse como acusación popular neste caso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019