CRTVG

Buscar

Autorizan unha empresa galega a que rescate con drons os cans atrapados pola lava

Publicado o 19/10/2021 19:40

O equipo galego especialista en emerxencias con drons xa conta co permiso das autoridades para levar a cabo o rescate duns cans rodeados pola lava do volcán de Cumbre Vieja. O rescate realizarase cun dron capaz de soportar ata 23 quilos de peso e coa axuda dunha rede.

O equipo galego especialista en emerxencias con drons xa ten a autorización da dirección técnica de PEVOLCA para levar a cabo o rescate de seis podengos que quedaron rodeados pola lava do volcán de Cumbre Vieja da Palma.

"Acabamos de recibir un e-mail en que nos din que acudamos ao posto de mando avanzado, que en principio nos autorizaron o rescate. Así que, imos contentos, imos tamén nerviosos; daquela, tranquilizarémonos e seremos todo o profesionais que sabemos ser", cometnou Jaime Pereira, piloto de Aerocámaras

Os animais levan días respirando cinzas e soportando temperaturas altísimas. De momento, e tamén cun dron, os rescatadores puideron facilitarlles algo de auga e alimentos. Para o rescate será preciso realizar unhas probas, así que previsiblemente non se realizará ata dentro duns días.

Empregaranse drons de carga de loxística mariña que foron modificados para o rescate destes cans, segundo detalla a plataforma animalista Leales.org, que contratou os servizos da empresa de Aerocamaras. Esta empresa galega deseñou un pioneiro sistema de rede de captura e solta en caso de emerxencia para animais de ata 23 quilos aproximadamente. En caso de non ser posible o rescate mediante este sistema, tentarase desprazar algunha clase de refuxio, comida en máis cantidade, entre outras posibilidades.

Son tres drons, un de carga para o traslado de materiais ou rescate dos cans, outro dron con cámara de 30 aumentos para facer un varrido da zona e verificar a seguridade da operación e o terceiro é un específico con cámara térmica para saber cal é o percorrido por onde menos calor hai e para estudar o terreo. 

Noticias web

19/10/2021