CRTVG

Buscar

Austria emite unha alerta de viaxe para España, agás para as Baleares e as Canarias

Publicado o 06/08/2020 18:59
Austria emite unha alerta de viaxe para España, agás para as Baleares e as Canarias

O Goberno de Austria anunciou este xoves que a partir do luns próximo recomendará non viaxar a todo o territorio español, salvo as illas Baleares e as Canarias, informou a axencia austríaca APA.

A advertencia, unha alerta de risco do máximo nivel que rexe xa para Portugal, entre outros países, foi decidida debido aos "desenvolvementos epidemiolóxicos" da pandemia da Covid-19 en España e significa que os viaxeiros procedentes dese país deben presentar un test negativo de coronavirus para entrar en Austria, indicou o ministerio de Exteriores da república alpina.

A alerta de viaxe entrará en vigor o luns ás 0.00 horas e aplicarase en España continental, precisou a citada autoridade ao comunicar a noticia a APA.

Ata o momento non se emitiu ningunha advertencia para as illas Baleares (incluídas Mallorca, Menorca e Eivisa) e as illas Canarias (incluídas Tenerife, Fuerteventura e Gran Canaria), engade a axencia. Con iso, desaconséllase "expresamente" viaxar a calquera das provincias da Península Ibérica.

Ademais, a partir do 10 de agosto, "os viaxeiros que actualmente se atopen na península española ou que regresen a través dela" deberán presentar o resultado negativo dunha proba de SARS-CoV2 para poder entrar en Austria.

Desta forma, España súmase á lista austríaca de case 60 países co máximo nivel (6) de advertencia de viaxe, en que se atopan Portugal, Bulgaria, Romanía, Suecia, Bosnia, Montenegro, Rusia, Serbia, os Estados Unidos, Turquía, O Brasil, Chile, O Ecuador, México, O Perú ou Suráfrica, entre outros.