CRTVG

Buscar

A Conferencia de Presidentes, con Aragonès ausente, centra o foco nos fondos europeos

Publicado o 30/07/2021 08:38

O repartimento dos fondos europeos para a recuperación económica será un dos temas prioritarios no cumio de presidentes que se celebra en Salamanca, ao que Cataluña decidiu non acudir. Euskadi finalmente estará presente, despois de acordar co Goberno a recadación de novos impostos.

A anterior convocatoria presencial da conferencia de presidentes fora no mosteiro de Yuso, na Rioxa, e desta volta o convento de Santo Estevo de Salamanca é o marco dun encontro en que se tratarán temas inmediatos, como a estratexia de vacinación contra a covid−19, e a longo prazo, coma o despoboamento do rural. Na foto de familia de hoxe non estará Cataluña. Esta ausencia critícana outros responsables autonómicos, como o de Castela-A Mancha.

Euskadi decidiu participar a última hora, tras acordar co goberno a recadación de tres impostos, que suman uns 220 millóns de euros, na comisión mixta do concerto económico que convocaron xusto onte.

Nesta 24.ª conferencia de presidentes semella que a gran batalla será a repartición de fondos, principalmente os europeos. Dende aquí, Galicia reclamará máis vacinas, detallar a estratexia de inmunización, a aprobación dunha lei de pandemias... e a xestión conxunta das axudas comunitarias.

Dende a súa creación, a Conferencia de Presidentes reuniuse sete veces de forma presencial, e durante o desenvolvemento da pandemia mantivéronse máis dunha ducia de encontros telemáticos.

Noticias web

30/07/2021