CRTVG

Buscar

Aumentan as doazóns de pelo para facer perrucas para enfermos

Publicado o 04/04/2019 21:16

Cada vez son máis as persoas que deciden doar o seu cabelo para campañas solidarias que fan perrucas para os enfermos oncolóxicos. Dende a Asociación Española Contra o Cancro, en colaboración con varios salóns de peiteado da provincia de Pontevedra, levan tempo fomentando este tipo de iniciativas. 

O obxectivo é que estes enfermos se sintan ben esteticamente sen ter que facer un gran desembolso económico. O único requisito é que o pelo teña unha lonxitude como mínimo de 25 ou 30 centímetros.

Un simple xesto pode cambiar vidas e sobre todo fortalecer a autoestima das persoas enfermas de cancro. A doazón de pelo é un acto altruísta que cada vez ten máis adeptos.

Estas doazóns pódense facer de maneira individual. Calquera persoa pode achegarse ata as propias asociacións contra o cancro e entregar nun sobre o seu cabelo, que como mínimo deberá ter unha lonxitude de 30 centímetros.

A esta campaña únense tamén moitas perruquerías. Elas encárganse de cortar e entregar ese pelo ás asociacións. Por un módico prezo, cortan, arranxan e peitean estes doantes solidarios.

O cabelo que sae desta asociación volverá á súa cidade de orixe convertido xa en perruca natural. As mesmas serán gratuítas, pero sobre todo levarán o selo da solidariedade de milleiros de persoas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/04/2019