CRTVG

Buscar

Aumento dos contaxios con cifras de récord nalgunhas comunidades

Publicado o 23/08/2020 21:14

Agosto está a ser un mes de expansión crecente dos contaxios. En xuño diagnosticábanse cada día entre 400 e 600 positivos e esta semana tocamos a soleira dos seis mil diarios. Tamén medra exponencialmente o número de falecementos. Hai só un mes eran entre 10 e 15 cada sete días e agora achéganse a 150 semanais.

A falta de datos do conxunto estatal, varias comunidades seguen ofrecendo as súas cifras na fin de semana. Cataluña comunicaba hoxe 1.168 novos positivos en 24 horas e 16 falecidos, números semellante aos de onte. Máis significativo é o dato do País Vasco: 661 positivos, o terceiro rexistro máis elevado en todo o ano desde o inicio da pandemia. Murcia batía este domingo o récord de casos histórico con 256 e Estremadura informaba da cifra máis elevada desde o final do estado de alarma: 102. Iso dá conta dunha expansión bastante xeneralizada.

En medio deste panorama, non faltan os que protestan polas medidas restritivas do Goberno e das comunidades. É o caso dos hostaleiros de Benidorm, que hoxe protagonizaban unha manifestación. Estas son algunhas das súas opinións: "Estamos vivindo con esta situación sanitaria, pero cun montón de decisións que se tomaron de forma errónea e estase sufrindo moito"."Os peches de bares de ocio e pubs e, sobre todo, o tema dos horarios que nos prexudicou bastante". "Eramos uns 1.500 bares, restaurantes e cafeterías en Benidorm. Agora mesmo digamos que estamos o 60 % dos que estabamos e non sei cantos imos ser a finais de ano".

Benidorm é un exemplo das dificultades para conciliar a preservación da saúde e a pervivencia do sector hostaleiro. Mentres, a comunidade de Madrid tomaba medidas radicais nesta localidade, en Tielmes, de 2.500 habitantes: peche total da hostalería e actividades de ocio, dos parques, piscina municipal e residencia de anciáns. Todo polo temor a un contaxio comunitario.

Os problemas de asistencia hospitalaria xa comezan a ser patentes nalgunhas comunidades. Neste caso, no hospital de Castelló, cun agravante engadido: sete sanitarios de quirófanos deron positivo e quedaron paralizadas todas as intervencións cirúrxicas.

Noticias web

23/08/2020