CRTVG

Buscar

Aumento de roubos en Vigo nas últimas semanas

Publicado o 29/06/2021 14:16

As denuncias por roubo con forza en vivendas tramitadas este mes na comisaría de policía de Vigo son xa vinte, co que volve a alza neste tipo de delitos. Só na fin de semana pasada houbo seis.

Agustín Vigo, voceiro en Galicia da Unión Federal de Policía:"Estamos volvendo á etapa prepandemia. A xente volve saír e volvemos aos niveis que había antes da pandemia. O que pasa é que como ata agora os niveis estaban a ser moi baixos, porque como a xente estaba nas súas casas era moita máis difícil que lle roubaran, pois agora empezamos a notar o que era vida normal de antes desta situación".

As características dos roubos non son novas e os seus autores son maioritariamente integrantes de bandas de delincuentes estranxeiros.

"De América do Sur, os croatas e os xeorxianos que son os que máis traballan por aquí pola zona. O que van buscando principalmente son xoias, diñeiro ou cousas que sexan facilmente vendibles", di Agustín Vigo.

Os ladróns están a actuar en distintas zonas de Vigo, con maior incidencia en pisos do centro da cidade. Ante isto, desde a policía recomendan nos baixar a garda na prevención de roubos.

O voceiro en Galicia da Unión Federal de Policía di que "o primeiro, sobre redes sociais e todo iso; non contemos a nosa vida, non digamos que marchamos de vacacións, non digamos cantos días nos imos, nin onde imos, nin moito menos o noso enderezo, porque entón estamos a poñérllelo moi doado (aos ladróns). Cando deixamos a vivenda hai que pechala pasando a chave. Se só a deixamos suxeita co picaporte pódena abrir co método do esvarón, cun simple plástico duro. Se podemos ou temos algún sistema domótico, hoxe en día con Internet na casa é doado dispoñer unha cámara ou un detector de movemento, mover de vez en cando as persianas... Que dea sensación de que a vivenda está habitada".

Non abrirlle o portal a calquera ou avisar a policía se observamos movemento dalgunha persoas estraña na casa veciña, forman parte das prácticas aconsellables.

Noticias web

29/06/2021