Aumentan un 50 % as multas en Santiago por exceso de velocidade
"Amolado, a miña primeira vez", di Moisés. A el, o curso que veu facer esta mañá a Santiago, saíulle un pouco máis caro do esperado. O radar colleuno cando baixaba pola avenida do Restollal, en Santiago.
"Viñamos a un curso aquí, e pasando por aquí pola zona de abaixo vin como unha luz e ao chegar aí arriba xa me decatei, din a volta e xa vin a caixa esta aí posta", conta Moisés.
"A min mandoume Moisés unha mensaxe á mañá entón xa vin pendente onde estaba e aparquei aí e así como aparquei xa vin o flash, xa multaron a un e aos dous minutos flash, a outro", fala o seu amigo Adrián.
En Santiago as multas aumentaron un 47 %, pasaron das 34.000 de 2018 ás 50.000 deste ano. E un 90 % delas son por exceso de velocidade detectada por radar. Os dous máis polémicos son o do Restollal e o de Conxo que dende que se instalaron en 2020 son unha importante fonte de ingresos para o Concello e para a empresa que leva a xestión, pensan algúns veciños.
"Iso é evidente, iso sábeo todo o mundo, todos os que conducimos sabemos que están postos máis ben cun fin recadatorio disimulando o efecto da nosa seguridade", opina un veciño. Pero non todos ven un afán recadatorio. "Eu creo que a velocidade aquí era superior e dende que se puxo o radar a velocidade é a correcta e iso", fala outro.