CRTVG

Buscar

Aumentan os vehículos sen a ITV en vigor que circulan polas estradas galegas

Publicado o 03/05/2021 14:15

Aumentan os vehículos que circulan polas estradas galegas sen a ITV pasada ou con ela caducada; só nos primeiros meses deste ano a Garda Civil interceptou 5.300, case o dobre que no mesmo período do ano anterior. Os infractores enfróntanse a multas que van entre os 200 e os 500 euros.

As estatísticas do primeiro trimestre en Galicia revelan un incremento de vehículos que circulan sen a ITV pasada ou con ela caducada. Entre xaneiro e marzo, as patrullas da Garda Civil interceptaron case 5.300 nesta situación, unha media de 60 diarios. Na súa maioría eran turismos e furgonetas de máis de 10 anos de antigüidade que son utilizados como segundos vehículos polos seus propietarios.

Desde o Subsector de Tráfico advirten dos riscos de circular sen pasar a ITV ou con ela caducada en caso de accidente. Se non temos a ITV en vigor o permiso de circulación non vale, e se non pode circular, as compañías de seguros pódense negar a cubrir os danos ou prexuízos causados. As multas por circular sen a ITV en vigor van desde os 200 ata os 500 euros.