Aumentan os roubos nos chalés do barrio da Caeira, en Poio
Blanca vive no barrio da Caeira. A súa casa foi un dos chalés onde entraron a roubar nos últimos meses. Por fortuna, a alarma non tardou en saltar e aos ladróns só lles deu tempo de roubar unhas moedas que os donos da vivenda tiñan por riba dun moble.
Os roubos nos chalés deste barrio de Poio son unha constante nos últimos meses. Esta fin de semana rexistráronse a nivel veciñal outros tres furtos na zona, dous de xeito consecutivo na rúa Illa de Tambo e outro na rúa Río Miño, polo que os veciños móstranse cada vez máis preocupados.
O 'modus operandi' dos autores do delito segue sempre unha mesma liña. Trátase de roubos rápidos en que os ladróns substraen pezas de valor das casas e foxen en poucos minutos. Por prevención e co obxectivo de solucionar o problema, os veciños agrúpanse en organizacións veciñais e comparten información a través dos grupos de WhatsApp.
A pesar das sospeitas dalgúns veciños sobre a vinculación dos roubos co poboado do Vao, lugar de paso de drogodependentes, a autoría dos delitos aínda non está esclarecida e proseguen as investigacións. Polo de agora, a Garda Civil ten rexistradas varias denuncias e coordínase coa Policía Local para reforzar o control mediante sesións de vixilancia pola zona.