Aumentan os infectados nas residencias de Outeiro de Rei e Culleredo
Boa parte do aumento de casos rexistrado dáse nas residencias. Só nas da área sanitaria de Lugo hai 27 positivos novos nas últimas 24 horas. Pero o goteo de casos vémolo tamén noutras residencias do resto de provincias.
Boa parte do aumento de casos na área sanitaria de Lugo procede dos novos positivos detectados na residencia de anciáns de Outeiro de Rei. Nas últimas horas 18 maiores deron positivo e tamén tres traballadores.
Na do Incio rexistráronse onte outros cinco casos entre os usuarios e un traballador infectado.
Tamén no xeriátrico Orpea de Culleredo aumentan os contaxios entre residentes, con 16 novos casos.
En total en Galicia hai neste momento 139 anciáns de residencias infectados. 90 deles están no Incio, 29 en Culleredo, 18 en Outeiro de Rei e 2 en Lalín.
No caso de traballadores positivos, 27 son da residencia do Incio e tanto en Culleredo coma en Outeiro de Rei hai 5 positivos.