CRTVG

Buscar

Aumentan os contaxios na Barbanza e convocan os mozos de Boiro a un cribado

Publicado o 13/07/2021 13:47

O aumento dos contaxios de coronavirus ten en tensión a comarca da Barbanza.

"Houbo un pouco de relaxación por parte da poboación en xeral e o bicho segue estando aí. Hai que seguir atentos e non baixar as defensas agora".

"Nós levamos dous días aquí e xa marchamos o xoves".

Hoxe é día de mercado en Boiro e a rúa está chea de xente. Hai preocupación pero non todo o mundo a vive igual. "Teño a miña sogra con 92 anos e teño medo de ir á casa e levarllo". "Pero, que lle imos facer, estou vacinado". "Xa o tiven, pero, isto aumenta e é preocupante".

En Boiro diagnosticáronse 61 novos casos nos últimos 14 días; deles, 54 na última semana. A incidencia acumulada supera os 250 casos por 100.000 habitantes. En cifras de risco máximo están tamén na Pobra do Caramiñal e en Porto do Son. "Que pasa? A xente sae e chega un momento en que se esquece das máscaras. Cando hai aglomeracións de xente e son as dúas, as tres ou as catro da mañá, pois pasa o que pasa".

Os máis preocupados son os hostaleiros. Temen un aumento das limitacións porque din que sería o estoque para moitos negocios. David Piñeiro, hostaleiro: "Eu teño un montón de empregados e só recibín axuda da Deputación. As condicións son imposibles de cumprir e imos ter un problema moi gordo".

Quin Riveiro, secretario de Boiro-Rianxo Hostalería: "A día de hoxe en Galicia hai case 6.000 contaxiados e os mesmos ingresos hospitalarios e en UCI que cando había 1.200. Non se poden adoptar restricións igual que hai meses. Hai que adaptarse á nova situación".

O Concello de Boiro informou de que entre esta tarde e mañá se convocará os mozos de 16 a 29 anos para realizaren un cribado.

 

Noticias web

13/07/2021