CRTVG

Buscar

Aumentan os contaxios en varias comunidades autónomas

Publicado o 31/07/2020 16:21

Os 60 veciños deste edificio de Zizurkil permaneceron 12 horas confinados despois de detectarse varios positivos por covid-19 en dúas vivendas. As probas PCR descartaron este mediodía máis contaxios polo que a medida quedou sen efecto para os veciños sans.

É o segundo confinamento dun edificio completo ordenado polas autoridades sanitarias de Guipúscoa esta semana.

En Aragón o foco segue posto sobre a situación das residencias de maiores despois de que o resultado das probas PCR elevase por riba do medio cento os contaxios no xeriátrico da localidade oscense de Chimillas.

O Goberno rexional anunciou que prepara unha denuncia penal polo ocorrido noutra residencia, a de Burbáguena, en Teruel, onde hai 62 residentes contaxiados e dous falecidos.

Nas últimas 24 horas, os contaxios de coronavirus duplicáronse na Comunidade Valenciana que informou dun novo gromo en Chiva con cinco casos confirmados.

Despois de detectarse cinco novos contaxios, o Concello da localidade sevillana da Algaba decidiu suspender durante 15 días as actividades con público e pechar parques e instalacións deportivas.

En Mallorca, o gromo rexistrado nun hotel de Santanyí, con seis positivos, obrigou a poñer en illamento outro medio cento de persoas que estiveron en contacto con eles. Os afectados son persoal do establecemento hostaleiro e non se notificaron contaxios entre os hóspedes.

Noticias web

31/07/2020