CRTVG

Buscar

Aumentan os casos de papeiras en Galicia

Publicado o 31/10/2019 15:12

Aumentan os casos de papeiras en Galicia. Ante o último andazo detectado nun instituto de Brión, os médicos recordan a importancia de estar vacinados contra unha doenza altamente contaxiosa.

Cando as glándulas que producen a saliva se infectan, provocan a inflamación e a dor típica das papeiras. Contáxianse facilmente, mediante gotiñas de saliva. Por iso cómpre illarse uns días na casa ata superar a infección, que non adoita ser grave pero pode ter complicacións.

"O normal é que sexa un proceso banal e que non sexa grave. Pero nun 20% dos casos podería aparecer  a orquite, inflamación nos testículos, e nunha porcentaxe menor problemas de xordeira", explica Norberto Proupín, médico de familia. 

A mellor prevención é a vacina, incluída no calendario obrigatorio desde 1981. Adminístrase xunto á do sarampelo e a rubéola, polo que practicamente toda a poboación debería estar inmunizada.

"A vacina ponse ao ano, e aos tres anos a dose de recordo. Porén, calquera adulto que crea non ter defensas contra as papeiras pode vacinarse, a excepción das mulleres embarazadas", explica o doutor Proupín.

Aumentan os casos de papeiras en Galicia. Ante o último andazo detectado nun instituto de Brión, os médicos recordan a importancia de estar vacinados contra unha doenza altamente contaxiosa.

En 2018 rexistráronse 385 casos. Recentemente, o andazo nun instituto de Brión, con 7 alumnos afectados, trouxo á actualidade unha doenza que parecía cousa do pasado.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/10/2019