CRTVG

Buscar

Aumentan na provincia de Lugo os casos positivos relacionados coas festas do 15 de agosto

Publicado o 24/08/2021 14:25

Os contaxios vencellados coas festas do 15 de agosto e que afectan maioritariamente mozos, continúan deixándose notar nas cifras totais do coronavirus na provincia de Lugo.

Os dous gromos activos na Pastoriza e Castro de Rei, relacionados ambos os dous coas patronais de Meira, acumulan 55 contaxios nos últimos sete días.

"Houbo uns oficios relixiosos, houbo un concerto de banda, houbo unha charanga que non estivo en ningún momento fixa nun sitio, estivo movéndose pola vila. Que pasa? Un día festivo, a xente está nun tempo de restricións, saímos e pode saltar algún positivo en calquera concello, en calquera sitio".

Os 24 positivos na Pastoriza elevan a incidencia neste concello a 809 casos por cada cen mil habitantes. Con case o dobre de poboación, os 31 contaxios detectados na última semana en Castro de Rei sitúan a incidencia algo por riba dos 600 casos.

En Meira, con menos de 450 casos de incidencia, xa asumen que poderían subir de nivel nas restricións.

"Temos medo a ter que volver atrás porque xa o pasamos e entón é unha pena pero é o que toca". "O día 15 estivo todo normal, a xente con máscara, todo perfecto. Aquí a xente é moi responsable non nos xuntamos na casa como en anos anteriores". "Á noite, sobre todo venres e sábado, horroroso, e aquí nalgúns bares á noite tamén".

O gromo máis importante, relacionado tamén coas festas, é o de Monforte que acumula 152 positivos nunha semana.

O número total de casos activos de coronavirus na provincia lucense é de 1.292, son 61 máis que na xornada anterior.

Noticias web

24/08/2021