CRTVG

Buscar

Aumentan ata os 9.098 os casos activos tras unha repunta dos contaxios en Vigo

Publicado o 19/11/2020 10:05

• A presión hospitalaria baixa lixeiramente, aínda que segue habendo máis de 100 persoas nas UCI

• Aumenta a taxa de positividade case dous puntos

A área de Vigo rexistra unha forte suba de casos activos (+105) e a de Santiago baixa dos 1.000

Galicia volve ter saldo positivo de casos activos no día de hoxe. Tras catro xornadas de diminución do total de contaxiados no país, unha forte repunta de contaxios na área de Vigo frea unha tendencia que ía en lixeira desaceleración.

Hai 9.098 casos activos, 47 máis ca onte.

No tocante a gromos, fontes consultadas pola TVG confirman a existencia dun gromo na residencia de Vilalba, que afectaría a 30 usuarios do centro. Detectáronse logo dun cribado a raíz do positivo dunha traballadora. En total fixéronse unhas 180 PCR, das cales 140 foron a usuarios da residencia.

Se imos área por área, a repartición quedaría así:

• Vigo: 2.422 (+105)

• A Coruña: 1.888 (+12)

• Pontevedra: 1.250 (-4)

• Lugo: 1.072 (-28)

• Santiago: 993 (-13)

• Ourense: 749 (=)

• Ferrol: 724 (-25)

Incremento da positividade

Notificáronse 7.649 probas PCR, o que supón un aumento de 313 respecto a onte, mais 479 menos ca o xoves da semana pasada.

Malos datos na positividade. Os 667 casos confirmados por PCR deixan unha taxa de positividade do 8,72 %, moi por riba das cifras das últimas dúas semanas. Destaca a importante cantidade de PCR positivas de Vigo, 282.

Con todo, cómpre non facer unha análise illada deste dato. A media da última semana sinala unha media de positividade do 6,82 %, algo superior á barreira ditada pola OMS do 5 %. A media ata onte, previa a esta repunta da taxa, situábase no 6,50 %. Houbo melloría, se a comparamos coa da semana pasada (7,40 %).

Lixeira baixada dos ingresados

A cifra de persoas hospitalizadas en Galicia mantense un pouco por debaixo do limiar das 600. Segundo os datos do Sergas, consolidados onte ás 18:00; permanecen ingresadas 573 persoas: 472 en planta (-4) e 101 (-1) nas UCI.

Por desgraza, as 15 mortes notificadas onte elevaron o número de vítimas deesta pandemia ata as 1.107. Son máis de 100 mortes en só dez fatídicos días.

Mapa de niveis de alerta por concellos