CRTVG

Buscar

Aumentan as vendas de roupa de abrigo pola vaga de frío

Publicado o 10/01/2019 20:32

A vaga de frío polar anunciada para estes días está a animar as vendas de roupa de abrigo. Entre as pezas máis buscadas figuran os chaquetóns ou os xerseis para o inverno.

Teresa González, dependenta: "Estes días, como vai bastante frío, a xente vén preguntando por xerseis, parcas ou pantalóns de pana. Por cousas que abriguen, como bufandas ou guantes que abriguen bastante".

Tamén aumentou a demanda de roupa interior térmica. De camisetas, calcetíns, medias, pixamas, batas ou sabas que axuden a levar mellor as baixas temperaturas.

María Soilán, encargada dunha tenda: "Agora, neste tempo, co frío que vai, véndese moito a roupa interior térmica. Camisetas, calzóns, medias, as sabas de coralina, tamén, ou os xerseis máis gordos".

A vaga de frío que se aveciña coincide, ademais, co inicio das rebaixas. Con descontos de entre o 20 e o 50 por cento, os comerciantes danlles saída ás pezas de inverno que non se venderan ata o de agora.

Teresa González, dependenta: "Nestas datas temos rebaixas de ata o 50 por cento e entón a xente vén preguntando por parcas ou por abrigos. Cousas que os abriguen e que estean ben de prezo. Non queren gastar moito".

Este incremento das vendas fai que, grazas ao frío, aumente a facturación no sector do comercio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/01/2019