CRTVG

Buscar

Aumentan as solicitudes para facer probas PCR antes das festas de Nadal

Publicado o 16/12/2020 14:01

O Nadal xa está aquí e con el o desexo de se volver xuntar cos familiares. Ese é o motivo polo que se está a disparar o número de solicitudes para realizarse os test e comprobar se se padece ou non o coronavirus.

Tanto as probas de antíxenos como as de serolóxicos e a PCR rexistran un incremento da demanda dende comezos do mes e para a vindeira semana hai xa milleiros de solicitudes. O que se quere é poder desprazarse e ver a familia coas máximas garantías posibles.

O xerente do hospital Polusa, Javier Atanes, explica que a demanda aumenta co translado dos estudantes, pero que tamén hai peticións de xente que lle veñen os fillos de Madrid ou Barcelona e de quen vai estar en contacto con persoas maiores.

Dende o sector sanitario son claros. A PCR é a única proba que garante unha información segura xa que permite detectar con máis antelación que as outras a presenza do virus, ten unha fiabilidade do 98% e localiza tamén a actividade vírica nas persoas asíntomáticas.

Por eso, e aínda que é máis cara e ten un proceso máis complexo, recomendan que se faga a PCR se se vai estar en contacto con familiares ou amigos nas festas. Iso si, é preciso realizala nun prazo non superior a 48 horas antes dos encontros.

"A PCR permite un abano máis amplo de datos para determinar se tes a enfermidade activa e transmmisible. Iso evolucionou e os custos abaratáronse. Unha PCR en saliva está por baixo dos 100 euros", asegura Javier Atanes.

Os sanitarios sinalan que un exceso de solicitudes pode saturar os servizos de probas e piden que só se realicen no caso de ter sospeitas fundadas de que se puidera contraer o virus.

Noticias web

16/12/2020